Efectos
nocivos da exposición excesiva á luz solar
Bronceado:
O
bronceado ou pel morena é debida ó incremento dun pigmento
cutáneo denominado melanina e, a menudo, considérase un signo de
vida ó aire libre e de boa saúde. Sen embargo, o cambio
de cor da pel indica que foi danada por exposición excesiva á radiación
UV (RUV); trátase dun mecanismo de defensa contra posteriores sobreexposicións.
O dano é acumulativo ó longo de toda a vida.
Co bronceado, a melanina protexerá a pel absorbendo unha pequena parte
da RUV. Equivale a aplicar unha crema fotoprotectora con FPS 2-3 e non
significa estar protexidos contra os efectos nocivos da luz solar.
O aumento de pigmentación prodúcese en dúas fases, inmediata
e tardía. A pigmentación inmediata ocorre a causa da oxidación e redistribución
da melanina existente na pel durante a propia exposición ó sol,
desaparecendo rapidamente ó cesar ésta ou ben ós poucos
días. A pigmentación tardía débese ó aumento da síntese
da melanina na piel e non é visible ata pasados 1-3 días da exposición.
Queimadura ou eritema solar:
Ocorre cando a sobreexposición á RUV é aínda máis
intensa, a súa forma máis leve é o arrubiamento da
pel. Iníciase unhas 2-6 horas trala exposición solar, a súa
intensidade é máxima ás 12-24 horas e desaparece en 4-7
días ocasionando a descamación da pel. Tanto a RUV B coma a A poden arrubia-la
pel pero débese principalmente á RUV B (85%) e menos á
A (15%) que require unha dose unhas 1000 veces superior.
A radiación UV non produce calor polo que se poden producir queimaduras
graves aínda sen excesiva calor ambiental. Diversos factores inflúen
na posibilidade de queimadura solar, uns son ambientais, polo aumento
do nivel de radiación (atmósfera, hora, estación, altitude, latitude,
reflexión; (ver A radiación ultravioleta), e outros son personais:
- Raza e Tipo de Pel: É o principal factor persoal. Canto máis clara é a pel, maior é o risco de queimadura. As razas con pel levemente pigmentada requiren, para se queimar, 3-5 veces máis radiación UV cós de pel branca e a pel negra ata 30 veces máis.
- Idade: Nalgunhas persoas a propensión a queimarse disminúe na ancianidade.
- Grosor da pel: Canto máis fina, máis fácil se queima.
- Grao de Hidratación: A RUV penetra pior na pel seca.
- Zona Corporal: A cara, o colo e o tronco son máis sensibles á RUV cas extremidades, queimándose máis facilmente. Os beizos teñen poucos melanocitos (células que producen o pigmento melanina) e por elo non se fan máis resistentes á queimadura coas progresivas exposicións. O precancro e o cancro de beizo son frecuentes, a protección dos beizos pode axudarlle a preveni-la súa queimadura, sequedade e descamación, e tamén a reduci-lol risco de lesións premalignas e malignas.
Envellecemento cutáneo prematuro
A
exposición frecuente á RUV durante anos causa importante dano acumulativo
con envellecemento prematuro da pel. De feito, ata un 90% dos cambios
visibles da pel que se atribúen á idade coma enrrugas finas e profundas,
diminución da elasticidade, cambios locais de coloración, sequedade, pequenos
vasos sanguíneos máis visibles, etc. son en realidade causados
pola exposición ó sol. A meirande parte do total de RUV que nos
alcanza ó longo da vida se soe recibir nos primeiros 20 anos e
así ata o 80% dos danos responsables do envellecemento cutáneo por exposición
solar xa ocorreron nesta época; por elo, a fotoprotección debe comezar
na infancia.
A radiación UV A causa máis dificilmente danos agudos (coma queimaduras)
ca B e por elo inicialmente pode parecer menos nociva. Sen embargo, a
RUV A penetra máis profundamente dentro da pel e tamén constitúe
o 90-95% do total de radiación UV que acada a superficie terrestre polo
que existe actualmente unha grande preocupación sobre a influencia no
envellecemento cutáneo, cancro de pel, etc. da exposición acumulada de
radiación UV A, aínda a doses que non chegan a causar queimadura.
Cancro de pel
O cancro de pel está aumentando de forma máis rápida que calquera
outra forma de cancro. Os estudios epidemiolóxicos mostran que o risco
de desenvolver cancro cutáneo é maior canto máis clara é
a cor natural da pel e tamén suxiren que existe asociación entre o grao
de exposición solar acumulada e o desenvolvemento do melanoma e de outros
tipos de cancro cutáneo coma carcinomas espinocelulares e basocelulares.
Observouse que a exposición solar intermitente e severa, que causa queimaduras,
é un importante factor de risco para o melanoma e o carcinoma basocelular,
mentres ca incidencia do carcinoma espinocelular é meirande nas
persoas cunha alta exposición solar crónica, acumulada ó longo
da vida.
Outros efectos cutáneos nocivos
A exposición á radiación UV altera o sistema inmune, pode desencadear
ou agravar certas enfermedades cutáneas e tamén causar reaccións
de fotosensibilidade de causa tóxica ou alérxica.
Dano
ocular
A exposición intensa do ollo á radiación UV, aínda que sexa
breve, pode ocasionar danos serios ou incluso a cegueira. A exposición
menos intensa pero frecuente parece presentar unha correlación positiva
coa formación de cataratas e outras alteracións coma a dexeneración
macular da retina.
MeteoGalicia - CINAM - Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible - Xunta de Galicia
Rúa Roma, nº 6. 15707 Santiago de Compostela. A Coruña
Rúa Roma, nº 6. 15707 Santiago de Compostela. A Coruña
Teléfono: +34-981-957464
Fax: +34-981-957466
Fax: +34-981-957466