Curiosidade Filatélica sobre Meteoroloxía
As observacións meteorolóxicas recollidas en tarxetas
postais que mensualmente son enviadas por multitude de observadores
meteorolóxicos ó longo e ancho do mundo son sen dúbida
extremadamente valiosas desde un punto de vista climatolóxico.
Sen embargo, en moitas ocasións revelan información de
carácter histórico nada desdeñable.
O seguinte conxunto de tarxetas postais dista no tempo desde 1915 ata
1945 ordeadas cronolóxicamente. A primeira delas enviouna un
Observador desde o municipio de As Neves en Pontevedra, mentres que
as outras tres son de Vimianzo en A Coruña escritas polo mesmo
Observador. Nos tres primeiros casos o Instituto de Meteoroloxía
aínda estaba no Parque do Retiro.
Aínda que tódolos comentarios que destacan os Observadores
son interesantes, resalta o de Maio do 1939 recén rematada a
Guerra Civil. Na súa anotación, o Observador (D. Manuel
Novo) menciona que o Servicio Meteorolóxico non estivo operativo,
aínda que dalgunha forma continuou enchendo os partes meteorolóxicos
que gardou, e posteriormente enviou, para recupera-las series. Así,
a tarxeta de Maio do 1939 corresponde ás observacións
tomadas en Febreiro do 1938. Destacar tamén o "Viva España"
da tarxeta do 1939, daquelas obrigatorio, fronte ás do 1934 e
do 1945. Obsérvese tamén que pasou a Censura Militar polo
Gobierno Militar de A Coruña.
Outro tema interesante desde un punto de vista filatélico é
que a franquicia permanece constante durante os 30 anos que se recollen
aquí, aínda que sí que houbo cambios na coroa que
a remata. No 1915 o remate correspondía á coroa real (de
feito houbo outra intermedia máis parecida á actual a
finais dos anos vinte), no 1934 e no
1948 era a da República, e no 1945 volveu a cambiar permanecendo
xa a mesma ata ben entrada a democracia. En canto á franquicia,
Real Decreto do 17 de xaneiro do 1911, cambiou a Orde Ministerial do
9 de xullo do 1951 manténdose así, unha vez máis,
ata ben entrada a democracia.
En canto á meteoroloxía chama a atención que en
Vimianzo se observara neve durante tres días en xaneiro do 1945.
Destaca tamén a chuvia recollida nese mes de xaneiro de 367.6
litros. Asimesmo, o Observador parece presentar dificultades burocráticas
xa que referíndose á necesidade de recibir tarxetas para
observacións de néboa cita: "... dígame se
as reclamo por oficio, ou por carta". En moitos casos, non cambiamos
moito aínda...
Vicente Pérez Muñuzuri
![]() |
![]() |
Ano 1915 |
|
| Aumentar tamaño postais (60 K) | |
![]() |
![]() |
Ano 1934 |
|
| Aumentar tamaño postais (78 K) | |
![]() |
![]() |
Ano 1938 |
|
| Aumentar tamaño postais (64 K) | |
![]() |
![]() |
Ano 1945 |
|
| Aumentar tamaño postais (84 K) | |
MeteoGalicia - CINAM - Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible - Xunta de Galicia
Rúa Roma, nº 6. 15707 Santiago de Compostela. A Coruña
Rúa Roma, nº 6. 15707 Santiago de Compostela. A Coruña
Teléfono: +34-981-957464
Fax: +34-981-957466
Fax: +34-981-957466







