MeteoGalicia Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible MeteoGalicia
Anticiclóns e borrascas
O aire circula desde as altas ás baixas presións coma consecuencia do gradiente de presións, aínda que non o fai exactamente en liña recta, coma tería ocorrido nun planeta sen rotación e plano, senón formando un pequeno ángulo coas isobaras coma consecuencia da actuación da forza de Coriolis, da forza de rozamento do aire coa superficie terrestre e da forza centrífuga.

Denomínanse anticiclóns ou altas presiónsa aquelas rexións nas que a zona central posue unha presión maior ca da periferia; pola contra, nas borrascas ou baixas presións, a zona central posúe unha presión menor. Arredor dos núcleos de altas presións, é dicir, nos anticiclóns, o aire circula no senso das agullas dun reloxio, no hemisferio norte, senso de xiro que leva o nome de anticiclónico; pola contra, nos núcleos de baixas presións ou borrascas o aire circula no senso contrario ó horario, senso chamado ciclónico.

Nos anticiclóns existe diverxencia de aire no chan; é dicir, o aire tende a escapar deles en superficie polo que na súa verticial, o aire cae tratando de reemplazar ó aire que escapou en superficie; nas borrascas, pola contra, existe converxencia de aire no chan, é dicir, o aire acode a elas en superficie xerando correntes ascendentes de aire.

As borrascas son configuracións de mal tempo que soen ir acompañadas de abundante e espesa nubosidade porque o aire, ó ascender, enfríase condensando a súa humidade e formando nubes; nos anticiclóns, sen embargo, a subsidencia do aire disipa ás nubes aportando un tempo bo e estable e, coma moito, da lugar a néboas.


baisxapresion
altapresion
Senso de xiro nunha borrasca no Hemisferio Norte
Senso de xiro nun anticiclón no Hemisferio Norte

Curiosidades:

  • Nos mapas do tempo en superficie, as borrascas identifícanse cun B de baixa ou un D de depresión (un L en inglés e un T en alemán); os anticiclóns recoñécense pola A de alta (ou H en inglés e alemán).